Coa Deputación da Coruña como impulsora e editora, xa se pode descargar a Guia sobre festivais e sustentabilidade. A Axenda 2030 e os impactos positivos dos eventos, elaborada desde o Pacto Cultura Sustentable como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos, e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos proxectos. Aínda que centrada no formato festival, pensamos que pode ser de moita utilidade para outro tipo de proxectos culturais; nas súas páxinas atoparedes información sobre a relación da acción cultural coa axenda 2030, propostas de revisión e mellora nos ámbitos sociais, medioambiental e económico, elaboración dun plan de sustentabilidade e algunhas boas prácticas a reseñar.
Con carácter práctico e co obxectivo de acompañar os festivais no camiño cara a sustentabilidade. Así se formula a Xornada “Impacto positivo: unha alianza festivais-administración” no marco da programación “A cultura é un dereito”, que se celebra o 21 de maio impulsada pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Na xornada, con inscrición gratuíta desde o 5 de maio, abordaranse de maneira específica os impactos dos festivais en ámbitos como a accesibilidade, enerxía, residuos, auga, e patrimonio. A Deputación da Coruña, que someteu a revisión as súas liñas de subvencións a festivais incorporando de maneira máis clara os criterios de sustentabilidade, anima a axentes e entidades responsables dos eventos a ampliar a súa formación nesta xornada que se desenvolve o sábado 21 na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña en horario matinal.
A xornada “Impacto positivo: unha alianza festivais-administración” esta comisariada pola enxeñeira e consultora de sustentabilidade, María Baqueiro Vidal. Asesora de boa parte dos festivais galegos de música e cinema, Baqueiro é ademais promotora do Pacto Cultura Sustentable, presentado o pasado ano. O 21 de maio a xornada contará con persoas expertas que participarán nunha mesa de ideas e posteriormente nun obradoiro para apoiar os festivais na elaboración dos seus plans de sustentabilidade.
No programa estarán Jone Pérez, enxeñeira química, asesora de empresas en xestión sustentable e colaboradora da organización internacional A Greener Festival; Pablo Galindo, doutor en Socioloxía pola Universidade de Granada na que é profesor titular, director da Fundación Music for All e autor, xunto con Diego Ferrón, da Guía de accesibilidade e inclusión en festivais de música en España; Nuria Díaz, ambientóloga, con ampla experiencia no ámbito da xestión ambiental municipal e socia fundadora de EcoEvent, e Nuria Balboa, arquitecta, especialista na xestión técnica de eventos e colaboradora dalgúns dos festivais máis recoñecidos do país. A segunda parte da xornada, en formato obradoiro, estará dixirida pola comisaria María Baqueiro e Giada Calvano, cofundadora de Chloe Sustainability, consultoría que acompaña a organizacións culturais e creativas no seu camiño cara a sustentabilidade, e investigadora e docente do Programa de Xestión Cultural da Universidade de Barcelona.
As novas lexislacions e normativas, xurdidas a raíz da aprobacion en 2015 da Axenda 2030 pola ONU, recollen a urxencia de modificar métodos, recursos materiais, hábitos e comportamentos, especialmente no mundo empresarial e industrial, pero que implican a sociedade no seu conxunto. A accion cultural, tan conectada co desenvolvemento social e individual e cunha enorme capacidade de transformacion territorial -véxase por exemplo a súa vinculación con politicas e estratexias de turismo-non é allea a urxencia do momento. Nesa dirección, a Deputación da Coruña someteu ás súas liñas de subvencións a festivais, FO221 e FO223, incorporando de maneira máis clara e directa criterios de sustentabilidade para a concesión das mesmas, adquirindo o compromiso de acompañar a todas as entidades e concellos solicitantes na consecución e cumprimento de novos obxectivos. Ao redor de sesenta festivais beneficianse destas dúas liñas de cofinanciamento nas últimas edicións.
“Apoiar os festivais significa, para nós, apostar pola difusión e a creación cultural a través do que son, verdadeiras plataformas de promoción das propostas existentes, e tamén de creación de emprego e riqueza no sector. Este apoio á actividade cultural é un dos obxectivos das dúas liñas de subvencións FO 221 e FO223 que suman 1,1 millón de euros en 2022 e que, xunto coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, significan unha aposta pola contratación e a mellora da situación laboral e económica do sector profesional da cultura, tan afectado pola pandemia”, explica o deputado de Cultura Xurxo Couto. Co fin de cumprir co dito compromiso a área de Cultura organiza a Xornada “Impacto positivo: unha alianza festivais-administración”, no marco da iniciativa A Cultura é un dereito.Na xornada presentarase ademais a Guia sobre festivais e sustentabilidade, editada pola Deputación da Coruña como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos festivais.