Desde a xestión do Pacto Cultura Sustentable queremos desexarvos un 2025 cheo de saúde e bo traballo en todos aqueles proxectos que desenvolvades. Rematou 2024, un ano cos novas adhesións: asinaron o Pacto a cooperativa 7H, a produtora de cinema ESNATU ZINEMA e a de música Ernie Records. Un ano no que presentamos o Pacto en Cataluña, tanto no FFLASH-HUB para festivais de cinema no mes de xullo como na Academia Catalana da Música no mes de decembro; así mesmo a través do festival de cine La Pinochera e dun taller impartido por María Baqueiro no TEA Tenerife estamos estudando o interese da asociación canaria Abonar para a implantación alí dun proxecto colectivo similar ao do Pacto.
Tamén impartimos un taller no X Encontro Cultura y Ciudadanía, promovido polo Ministerio de Cultura, o pasado setembro en Compostela e desde Escena Galega encargouse o obradoiro “El potencial transformador de las artes escénicas desde un enfoque sostenible» no marco do programa Camino Escena Norte, que impartiu María Baqueiro en Lugo, tamén no mes de setembro. E contentas de que algúns dos proxectos adheridos ao Pacto quixeran dar un paso máis este ano en accións medioambientais, con iniciativas tan relevantes como eliminar a dispersión de contenedores e implantar unha estación de residuos, ou medir a pegada de carbono do evento. Tamén outros estades animándovos a publicar os vosos plans sustentables na web sumando valor ao proxecto e transmitíndollo aos vosos públicos, que son unha parte fundamental na transformación do noso traballo.