Medir e avaliar son dous pasos fundamentais na estratexia sustentable dos eventos culturais. Así o entende Proxecta, a coordinadora que reúne a dezaoito dos festivais de cinema do país, que pecha o 2022 cun informe sobre os pasos dados nesta materia coa axenda 2030 no horizonte. Alén de intencións, o estudo analiza o cumprimento real de obxectivos concluíndo que a accesibilidade dos eventos, a eliminación de plásticos e o apoio á economía da contorna son materias nas que os eventos cinematográficos conseguen unha boa nota tras o esforzo conxunto dos últimos anos. O estudo “Impactos positivos: procesos, accións, futuros” recolle e analiza as accións levadas a cabo polos festivais durante 2022 no marco do Pacto Cultura Sustentable, que reúne a trinta e dous proxectos culturais de Galicia. O estudo de Proxecta conta co apoio da Deputación da Coruña.
A coordinadora de festivais de cinema Proxecta procura con este estudo -realizado de outubro a decembro, coincidindo coa realización dos últimos festivais do ano-, un diagnóstico sobre o grao de cumprimento dos obxectivos sustentables por parte dos seus asociados. A intención é identificar todo o que se fixo en positivo, pero tamén aquelas iniciativas que non puxeron en marcha e as razóns que o impediron. Forman parte da coordinadora Proxecta: Carballo Interplay (Carballo), Cineuropa (Santiago de Compostela), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa), Curtocircuíto (Santiago de Compostela), Chanfaina Lab (San Sadurniño), FanCine Lemos (Monforte), Festival de Cans (O Porriño), Festival de Cinema Inclusivo de Vigo (Vigo), Festival Internacional de Curtas de Verín (Verín), Festival RiR (Allariz), FIC Bueu (Bueu), Galician Freaky Film Festival (Vigo), Intersección (A Coruña), MICE Museo do Pobo (Santiago de Compostela), Mostra Mares da Fin do Mundo (A Coruña), Novos Cimenas (Pontevedra), Play-Doc (Tui) e S8 Mostra de Cinema Periférico (A Coruña). Levouse a cabo a análise coa información e datos do 70% dos festivais con catro grandes obxectivos para 2022: eliminar barreiras de accesibilidade, plásticos dun só uso, medir a pegada de CO2 e identificar os grupos de interese.
Os festivais adheridos ao Pacto Cultura Sustentable estaban chamados a analizar o grao de aplicación de noventa accións sustentables, que abranguían desde á diversidade, igualdade e inclusión social nos eventos, ata o apoio á economía local pasando pola redución do consumo de enerxía e auga. Noventa accións sociais, ambientais e económicas propostas para que os festivais de cinema impacten de maneira positiva na contorna e no planeta. O presidente de Proxecta, Ángel Sánchez – á vez codirector do Festival Play-Doc de Tui- reseña o estudo “como unha oportunidade para poñernos un espello diante, avanzar e contaxiar os nosos aliados”.
Aprobados altos e materias pendentes
O informe “Impactos positivos: procesos, accións, futuros” conclúe “sen ningunha dúbida” que os festivais de cinema están comprometidos coa sustentabilidade e que os diferentes equipos organizativos teñen claro que cultura e desenvolvemento sostible son dúas caras dunha mesma moeda. Aínda que hai por diante terreos con pouco camiño emprendido, o estudo destaca a presenza de mulleres nos equipos de organización e nas programacións. Tamén o afán por deseñar eventos accesibles, aínda que polo de agora centrados na accesibilidade física e con pouca profundidade en temas como a accesibilidade auditiva ou visual. “Os festivais de cinema non son quen de escapar do que establece a nosa sociedade a diario: unha contorna, se non hostil, disuasoria para milleiros de persoas con capacidades diferentes”, apunta o estudo.
No ámbito medioambiental, os festivais analizados non teñen un impacto tan significativo como outros eventos por razóns como a súa dimensión ou, na maioría das ocasións, o seu carácter indoor. A maior parte dos festivais desenvolven a súa actividade en instalacións e recintos que non son da súa titularidade ou xestión directa, circunstancia que condiciona as súas accións e resultados nesta materia. O estudo de Proxecta destaca a mellora da recolla selectiva de residuos nos últimos tempos e detecta aínda un gran descoñecemento no campo das enerxías por parte dos festivais. En relación a como impactan os eventos na economía da contorna, dúas estratexias como son o traballo con empresas locais e a contratación de artistas, cineastas e investigadores galegos obteñen moi boa nota nesta auditoría de sustentabilidade. Porén o estudo recomenda, non só identificar aliados, senón afondar no diálogo con eles: veciñanza, administracións, asociacións, cineastas e medios de comunicación, empresas provedoras, patrocinadores, etc, para compartir obxectivos de sostibilidade.
Por que os festivais de cinema non conseguiron levar a cabo todas as accións propostas para 2022? As respostas dos eventos son, fundamentalmente, catro: falta de orzamento, formación, tempo e persoal para levalas a cabo. “Catro motivos en aparencia diversos que están conectados e poderían englobarse nun só: o primeiro deles”, indica o informe de Proxecta. Entre as recomendacións do estudo, fomentar máis formación en sustentabilidade en todos os equiposde traballo dos eventos, espallando os obxectivos cara entidades colaboradoras e provedores. Tamén se conclúe que o campos dos residuos e das enerxías continúa a ser un espazo no que afondar e aprender máis. “Malia que os festivais de cinema non teñen os mesmos impactos negativos no medioambiente que outros eventos culturais másivos realizados ao aire libre, isto non nos exime de implementar melloras de redución e eficiencia en todo o relacionado con enerxía e residuos”, sinalan en Proxecta.