A Asamblea Xeral da ONU presenta no ano 2015 a Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable. Un plan de acción a favor das personas, o planeta e a prosperidade, que é aprobado por 193 países e cuxos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) abraguen os ámbitos ecónomico, social e ambiental. O gran avance da Axenda 2030 é a súa visión holística e integradora para a consecución dun obxectivo común: transformar o noso planeta, á vez que converte a década na que vivimos na década da acción. Ou o que é o mesmo: o planeta non pode agardar, non hai prórrogas.
No proceso que temos por diante, a cultura configura ese espazo no que é posible refacer o mundo. A acción cultural non só contribúe á difusión e apropiación da Axenda 2030 senón que está relacionada estreitamente co desenvolvemento das persoas e dos territorios. Entidades, empresas e axentes culturais están chamados a ter un papel central no proceso de recuperación que deixa tras de si a pandemia da COVID-19, e os eventos culturais, importantes plataformas para as empresas creativas, ocupan un papel destacado como ferramentas con capacidade para transformar territorios, crear redes, promover talentos, experimentar procesos, impulsar debates e contribuír ao benestar comunitario. Espazos perfectos para implementar solucións que poden estenderse ao conxunto da sociedade.
Nesta primavera de 2021, seis anos despois da aprobación da Axenda 2030 e co horizonte do fin dunha pandemia global, os eventos culturais debúxanse como espazos privilexiados para a convivencia, a innovación, a reflexión e o exercicio colectivo da responsabilidade. No momento no que a Administración galega está a preparar o marco sanitario dos eventos (música, cinema, artes escénicas, etc) para o futuro próximo, as entidades e persoas que impulsamos a acción cultural entendemos que o deseño dese escenario esixe compromisos de calado coas persoas e co planeta que habitamos.
Continuando a senda dos avances que, en materia de sustentabilidade e cultura, tiveron lugar no contexto español: o impulso á mobilización do sector cultural en apoio dos ODS por parte da Red Española para el Desarrollo Sostenible (REDS) [2019], e a publicación do “Plan de Acción para la adaptación de los Festivales de Música a la Agenda 2030” por parte da Asociación de Festivales de Música (FMA) [2020], en 2021, desde o sector cultural galego queremos amosar o noso compromiso coa Axenda 2030 e facémolo a través da elaboración e a firma dunha política de sustentabilidade, que reforza dous conceptos, a necesidade de pensar en global e actuar dende o local e a importancia das alianzas para lograr os obxectivos.