Pacto 2023: mellor formación, mellores proxectos

Formarse para mellorar os proxectos e os seus impactos en áreas clave para o noso desempeño sustentable. Nesa proposta centrámonos neste 2023 ao redor dos trinta e cinco proxectos asinantes do Pacto Cultura Sustentable. Nos últimos meses, desde o Pacto, coa coordinación de María Baqueiro e Arancha Estévez, dedicámonos fundamentalmente á acción formativa e revisión das nosas prácticas de traballo en encontros e proxectos conxuntos, non só cos asinantes do Pacto, senón con outras entidades e axentes culturais. Desde finais do verán ademais, coa alegría de que 4 novos proxectos asinaran o Pacto Cultura Sustentable: o Festival de Música Contemporánea da Coruña RESIS, Vacaloura Sociedade Cooperativa e dúas iniciativas do ámbito audiovisual: as tenaces XOCIVIGA (Xornadas de Cine e Video de Galicia) do Carballiño, camiño das 39 edicións, e Cinema Miúdo (Festival Internacional de cinema infantil de Ames).

Tras a fase previa no Pacto (2021-2022) enfocada nunha necesaria diagnose, tratábase de dar un paso máis e colocarnos en situación de acompañar os proxectos culturais creando espazos para a formación específica dos equipos de traballo, cuxa necesidade desvelábase na citada diagnose previa. Entre a actividade do Pacto en 2023 destacamos que María Baqueiro coordinou en marzo a acción formativa “Gestionar la cultura en clave sostenible”, no marco do proxecto “Coidar de nós, para coidar da Cultura”, desenvolvido pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural coa coordinación de Sergio Lago, co apoio do Ministerio de Cultura e a colaboración da FEAGC, na que se inscribiron máis de 160 profesionais de toda a península; o Pacto tamén participou no Dia Internacional dos Museos 2023 en Santiago de Compostela cun seminario dirixido ao persoal destes centros culturais impartido no Museo do Pobo Galego; desde agosto a novembro desenvolvimos con 11 dos festivais socios de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema), a acción “Asesorías individualizadas e sustentables” na que os equipos de cada un dos eventos tiveron a oportunidade de consultar e formase con expertas en áreas como estratexias de sustentabilidade, pegada de carbono, certificacións ou accesibilidade visual. Ademais, colaboramos no libro coral “A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura” coordinado por Alberto García e editado pola Deputación da Coruña, e Nando Cruz tamén conversou con nós para o libro “Macrofestivales” (Planeta de Libros 2023), moi comentado entre as persoas que traballamos no sector cultural e máis especificamente en música.

No festival Mares da Fin do Mundo, Outes, 3 de novembro 2023. Foto: Vanessa Martínez