O Pacto Cultura Sustentable celebra o 1º aniversario con 32 proxectos comprometidos coa Axenda 2030

Co verán no seu apoxeo e coa conseguinte explosión de eventos culturais en Galicia, o Pacto Cultura Sustentable continúa recollendo adhesións. As últimas, a da Fundación Bretal, entidade que xestiona entre outros proxectos a actividade cultural no Real Mosteiro de Oia, fundado no século XII e único enclave cisterciense á beira do Atlántico, e o Festival Atlántica, un evento centrado na narracion oral que se desenvolve en diferentes localidades. O Pacto Cultura Sustentable cumpre un ano desde que botou andar en xullo de 2021 da man dalgúns dos festivais galegos de música e cinema de referencia, cun compromiso coa axenda 2030 e coa súa visión integradora para a consecución dun obxectivo común: transformar o noso planeta a través da acción. Nos últimos meses tamén suscribiron o pacto tres eventos localizados na provincia de Ourense: Festival Arteficial, UKP Day e MUSGO.

O pacto recolle os obxectivos ata 2024; entre eles, a eliminación dos plásticos dun só uso, a redución nun tercio do volume xeral de residuos, a compensación da pegada CO2 ou a transición cara as enerxías renovables na produción dos eventos. Ademais do pacto mediambiental, compromisos na dimensión social dos eventos coa igualdade de xénero, coa economía local e coa accesibilidade. O Pacto Cultura Sustentable ten vocación expansiva, convidando a todos os eventos e axentes culturais de Galicia a suscribilo e á Administración a apoialo e parte de que tras a acción cultural atópanse moitas empresas e axentes privados, cuxo liderado é imprescindible no cambio sustentable global. Neste primeiro ano de andaina, o principal obxectivo foi “poñerse un espello diante” coa realización dun diagnóstico de cada un dos eventos asinantes. “Era fundamental saber en que punto estamos, que accións se están levando a cabo e de que maneira por parte dos eventos e identificar cales son as dificultades que atopan”, explica María Baqueiro, consultora de sustentabilidade. Tras o diagnóstico, durante 2022 os festivais asinantes recibirán varias sesións formativas ao redor da accesibilidade e medición da pegada de CO2.

Presentación do Pacto Cultura Sustentable. Museo das Peregrinacións, Santiago de Compostela, xullo 2021