O Pacto no 10º Encontro Cultura y Ciudadanía

Unha proposta práctica e pensada para establecer un diálogo con diferentes proxectos á hora de avaliar como estamos integrando novas estratexias na senda sustenable. Asi foi o taller «Itinerarios compartidos: elige tu ruta. Dinámicas colectivas para abordar sin desconsuelo la sostenibilidad en la acción cultural», co que o Pacto Cultura Sustentable participou o 25 de setembro no 10º Encontro Cultura y Ciudanía, promovido polo Ministerio de Cultura e que nesta edición tan especial tivo como escenarios o Museo do Pobo e o CGAC, en Santiago de Compostela. Máis de cincocentos profesionais de todo o Estado asistiron durante os tres días a presentacións, charlas, obradoiros, etc, nun encontro xa de referencia para toda aquelas persoas que compartimos unha visión social da cultura.

No taller coordinado por María Baqueiro co apoio de Adriana Castro e Arancha Estévez, participaron 25 personas, a maioría de fóra de Galicia. Malia que unha hora e media pasa voando, as persoas asistentes expuxeron como están a integrar novos hábitos nos seus proxectos e foron interpelados polos obxectivos que teñen e as melloras que experimentan. Na parte final do obradoiro traballamos sobre unha proposta moi concreta que lanzou Luisa Martínez, da Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia: Como evitar o merchan low cost co que moitas veces agasallamos aos asistentes aos nosos eventos?.

A destacar, o interese post-taller polo Pacto Cultura Sustentable que nos trasladaron algúns dos participantes e a posibilidade de replicarlo noutros lugares. Desde o Pacto, inmensas grazas a Cultura y Ciudadanía por facernos un oco nunha programación de 3 días de moita intensidade en Santiago de Compostela, ao Museo do Pobo Galego por acollernos e ás persoas que participaron no taller pola súa implicación e interese.

Taller de produción sustentable en artes escénicas no Vello Cárcere de Lugo

Celebrouse estes días Habitación Peregrina Pro 2024; do 17 ao 19 de setembro o encontro profesional tivo lugar no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo dentro da programación de Camino Escena Norte 2024. Un punto de encontro profesional das artes escénicas Galicia, Asturias, Cantabria, Navarra e Euskadi.

Desde o Pacto Cultura Sustentable impartimos o día 18 pola mañá o «Taller de producción sostenible ESCENAS COLECTIVAS. El potencial transformador de las artes escénicas desde un enfoque sostenible». Un obradoiro práctico dirixido especialmente ás compañías de teatro que están a traballar por mellorar as súas prácticas e hábitos profesionais en relación á sustentabilidade e á Axenda 2030.

Camino Escena Norte é un proxecto de intercambio cultural por medio das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, promovido polas asociacións Escena Galega, EscenAsturias, Acepae, Eskena y Escena Navarra.

No FFLASH-HUB, o congreso de festivais de cinema organizado por Catalunya Film Festivals

Rematou en Barcelona a 2ª edición do FFLASH-HUB (Film Festivals Learning and Sharing HUB), un congreso para profesionais de festivais e mostras de cinema, organizado por Catalunya Films Festivals (a homóloga catalá de Proxecta, a coordinadora galega de festivais de cinema ) co apoio do ICEC e de Europa Creativa Media Catalunya.

Felices e agradecidas da participación do Pacto Cultura Sustentable na xornada do 18 de xulo, na charla de peche, a través da coordinadora María Baqueiro e da tamén colaboradora do Pacto, Giada Galvano, na mesa «El compromís dels festivals de cinema amb la sostenibilitat ambiental», moderada por Mònica Garcia Massagué, do Festival de Sitges.

Valoramos moitísimo estes espazos de aprendizaxe, e destacamos a sorte de poder asisitir á mesa: «Codi d’Accessibilitat de Catalunya: oportunitats i reptes per a una verdadera inclusió», unha acción lexislativa pioneira no Estado ao redor da accesibilidade. Volvemos coa maleta chea, merci #FlashHub.

Pacto 2023: mellor formación, mellores proxectos

Formarse para mellorar os proxectos e os seus impactos en áreas clave para o noso desempeño sustentable. Nesa proposta centrámonos neste 2023 ao redor dos trinta e cinco proxectos asinantes do Pacto Cultura Sustentable. Nos últimos meses, desde o Pacto, coa coordinación de María Baqueiro e Arancha Estévez, dedicámonos fundamentalmente á acción formativa e revisión das nosas prácticas de traballo en encontros e proxectos conxuntos, non só cos asinantes do Pacto, senón con outras entidades e axentes culturais. Desde finais do verán ademais, coa alegría de que 4 novos proxectos asinaran o Pacto Cultura Sustentable: o Festival de Música Contemporánea da Coruña RESIS, Vacaloura Sociedade Cooperativa e dúas iniciativas do ámbito audiovisual: as tenaces XOCIVIGA (Xornadas de Cine e Video de Galicia) do Carballiño, camiño das 39 edicións, e Cinema Miúdo (Festival Internacional de cinema infantil de Ames).

Tras a fase previa no Pacto (2021-2022) enfocada nunha necesaria diagnose, tratábase de dar un paso máis e colocarnos en situación de acompañar os proxectos culturais creando espazos para a formación específica dos equipos de traballo, cuxa necesidade desvelábase na citada diagnose previa. Entre a actividade do Pacto en 2023 destacamos que María Baqueiro coordinou en marzo a acción formativa “Gestionar la cultura en clave sostenible”, no marco do proxecto “Coidar de nós, para coidar da Cultura”, desenvolvido pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural coa coordinación de Sergio Lago, co apoio do Ministerio de Cultura e a colaboración da FEAGC, na que se inscribiron máis de 160 profesionais de toda a península; o Pacto tamén participou no Dia Internacional dos Museos 2023 en Santiago de Compostela cun seminario dirixido ao persoal destes centros culturais impartido no Museo do Pobo Galego; desde agosto a novembro desenvolvimos con 11 dos festivais socios de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema), a acción “Asesorías individualizadas e sustentables” na que os equipos de cada un dos eventos tiveron a oportunidade de consultar e formase con expertas en áreas como estratexias de sustentabilidade, pegada de carbono, certificacións ou accesibilidade visual. Ademais, colaboramos no libro coral “A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura” coordinado por Alberto García e editado pola Deputación da Coruña, e Nando Cruz tamén conversou con nós para o libro “Macrofestivales” (Planeta de Libros 2023), moi comentado entre as persoas que traballamos no sector cultural e máis especificamente en música.

No festival Mares da Fin do Mundo, Outes, 3 de novembro 2023. Foto: Vanessa Martínez

Seminario «Museos no cambio sustentable, museos de impacto» #DIM2023

Que valor xera o museo no barrio, na cidade? Cantas alianzas establece coa comunidade? Como impacta no medio cos seus procesos e ferramentas de traballo? Pode medirse o seu grao de influencia no fomento da inclusión social? Ao redor destas e doutras ideas e reflexións, o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, organiza o seminario “Museos no cambio sustentable, museos de impacto”, o vindeiro xoves 25 de maio.
O 18 de maio os museos celebran o seu día. En 2023, o ICOM (Consello internacional de Museos) escolleu o lema Museos, sustentabilidade e benestar partindo de que os museos son institucións de referencia e fíos condutores do noso tecido social común, polo que están nunha posición única para fomentar o cambio positivo. O ICOM subliña as contribucións dos museos en campos como o apoio á acción climática, o fomento da inclusión, a loita contra o illamento social e a mellora da saúde mental.

Os museos son patrimonio, memoria, creatividade, ideas; en resumo, un complexo e completo sistema de bombeo na folla de ruta do planeta cara a sustentabilidade. O seminario terá lugar o 25 de maio ás 17h na sala de actividades do Museo do Pobo Galego e será impartido pola enxeñeira e consultora María Baqueiro, promotora do Pacto Cultura Sustentable. O seminario será presencial, aínda que con opción a sumarse a través do streaming.

Seminario “Museos no cambio sustentable, museos de impacto”
Que di a Axenda 2030 da cultura e dos museos. Repasamos o papel da cultura na axenda planetaria, desde a súa aprobación en 2015.
Benestar non é o título dunha exposición. Valoramos a capacidade do museo para impactar na contorna e facer tecido comunitario.
A importancia de ter un plan. Plasmamos a nosa estratexia e o noso compromiso sustentable con concrección; recomendacións para o plan de acción.
Adiantados na aula: museos á vangarda do camiño sustentable. Identificamos e analizamos algunha prácticas que nos inspiran, innovadoras e escalables.


María Baqueiro
Enxeñeira e Executive MBA, leva máis de veinte años traballando en consultoría, primeiro no ámbito enerxético e, posteriormente, no ámbito sustentable, asesorando tanto entidades públicas como privadas. Chegou a este ámbito a través da moda para, despois, centrarse no sector cultural. É coordinadora de sustentabilidade de diferentes festivais en Galicia e exerce como asesora en diversos proxectos culturais no resto da península. En 2021 promove o Pacto Cultura Sustentable, unha alianza galega para traballar de forma conxunta e coordinada na incorporación do enfoque sustentable na cultura, aliñando prácticas culturais e Axenda 2030. Preto de corenta entidades dos ámbitos da música, cinema, cultura oral, patrimonio ou cultura urbana son parte desta alianza.

María Baqueiro, enxeñeira, consultora e impulsora do Pacto.

Xestionar a cultura en clave sustentable, formación dentro do proxecto AGPXC «Coidar de nós»

A Asociación Galega de Profesionais dá Xestión Cultural (AGPXC) convidou a aquelas persoas que operan no sector cultural en España e no ámbito iberoamericano a participar na formación «Xestionar a cultura en clave de sustentabilidade. Unha aposta pola nosa saúde e a do noso planeta». Tres sesións en liña de dúas horas e media durante os días 20, 21 e 22 de marzo, coordinadas pola enxeñeira e consultora en sustentabilidade, María Baqueiro, que se marcou como obxectivo achegarnos ao deseño dun plan sustentable para os proxectos culturais. Máis de 160 persoas inscritas achegáronse en clave práctica á materia.

Estas xornadas formativas inclúense no proxecto «Coidar de nós, para coidar da cultura» que desenvolve a AGPXC co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte e en colaboración coa Federación Estatal de Asociacións de Profesionais da Xestión Cultural (FEAGC). As tres sesións foron deseñadas e coordinadas por María Baqueiro (Pacto Cultura Sustentable), que contou coa colaboración especializada nalgúns dos contidos de Giada Calvano, de Chloe Sustainability, Jone Pérez, enxeñeira química e colaboradora da organización A greener future e a xornalista Arancha Estévez.

Festivais de cinema: aprobado alto en igualdade, accesibilidade física e apoio á economía local

Medir e avaliar son dous pasos fundamentais na estratexia sustentable dos eventos culturais. Así o entende Proxecta, a coordinadora que reúne a dezaoito dos festivais de cinema do país, que pecha o 2022 cun informe sobre os pasos dados nesta materia coa axenda 2030 no horizonte. Alén de intencións, o estudo analiza o cumprimento real de obxectivos concluíndo que a accesibilidade dos eventos, a eliminación de plásticos e o apoio á economía da contorna son materias nas que os eventos cinematográficos conseguen unha boa nota tras o esforzo conxunto dos últimos anos. O estudo “Impactos positivos: procesos, accións, futuros” recolle e analiza as accións levadas a cabo polos festivais durante 2022 no marco do Pacto Cultura Sustentable, que reúne a trinta e dous proxectos culturais de Galicia. O estudo de Proxecta conta co apoio da Deputación da Coruña.

A coordinadora de festivais de cinema Proxecta procura con este estudo -realizado de outubro a decembro, coincidindo coa realización dos últimos festivais do ano-, un diagnóstico sobre o grao de cumprimento dos obxectivos sustentables por parte dos seus asociados. A intención é identificar todo o que se fixo en positivo, pero tamén aquelas iniciativas que non puxeron en marcha e as razóns que o impediron. Forman parte da coordinadora Proxecta: Carballo Interplay (Carballo), Cineuropa (Santiago de Compostela), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa), Curtocircuíto (Santiago de Compostela), Chanfaina Lab (San Sadurniño), FanCine Lemos (Monforte), Festival de Cans (O Porriño), Festival de Cinema Inclusivo de Vigo (Vigo), Festival Internacional de Curtas de Verín (Verín), Festival RiR (Allariz), FIC Bueu (Bueu), Galician Freaky Film Festival (Vigo), Intersección (A Coruña), MICE Museo do Pobo (Santiago de Compostela), Mostra Mares da Fin do Mundo (A Coruña), Novos Cimenas (Pontevedra), Play-Doc (Tui) e S8 Mostra de Cinema Periférico (A Coruña). Levouse a cabo a análise coa información e datos do 70% dos festivais con catro grandes obxectivos para 2022: eliminar barreiras de accesibilidade, plásticos dun só uso, medir a pegada de CO2 e identificar os grupos de interese.

Os festivais adheridos ao Pacto Cultura Sustentable estaban chamados a analizar o grao de aplicación de noventa accións sustentables, que abranguían desde á diversidade, igualdade e inclusión social nos eventos, ata o apoio á economía local pasando pola redución do consumo de enerxía e auga. Noventa accións sociais, ambientais e económicas propostas para que os festivais de cinema impacten de maneira positiva na contorna e no planeta. O presidente de Proxecta, Ángel Sánchez – á vez codirector do Festival Play-Doc de Tui- reseña o estudo “como unha oportunidade para poñernos un espello diante, avanzar e contaxiar os nosos aliados”.

Aprobados altos e materias pendentes
O informe “Impactos positivos: procesos, accións, futuros” conclúe “sen ningunha dúbida” que os festivais de cinema están comprometidos coa sustentabilidade e que os diferentes equipos organizativos teñen claro que cultura e desenvolvemento sostible son dúas caras dunha mesma moeda. Aínda que hai por diante terreos con pouco camiño emprendido, o estudo destaca a presenza de mulleres nos equipos de organización e nas programacións. Tamén o afán por deseñar eventos accesibles, aínda que polo de agora centrados na accesibilidade física e con pouca profundidade en temas como a accesibilidade auditiva ou visual. “Os festivais de cinema non son quen de escapar do que establece a nosa sociedade a diario: unha contorna, se non hostil, disuasoria para milleiros de persoas con capacidades diferentes”, apunta o estudo.

No ámbito medioambiental, os festivais analizados non teñen un impacto tan significativo como outros eventos por razóns como a súa dimensión ou, na maioría das ocasións, o seu carácter indoor. A maior parte dos festivais desenvolven a súa actividade en instalacións e recintos que non son da súa titularidade ou xestión directa, circunstancia que condiciona as súas accións e resultados nesta materia. O estudo de Proxecta destaca a mellora da recolla selectiva de residuos nos últimos tempos e detecta aínda un gran descoñecemento no campo das enerxías por parte dos festivais. En relación a como impactan os eventos na economía da contorna, dúas estratexias como son o traballo con empresas locais e a contratación de artistas, cineastas e investigadores galegos obteñen moi boa nota nesta auditoría de sustentabilidade. Porén o estudo recomenda, non só identificar aliados, senón afondar no diálogo con eles: veciñanza, administracións, asociacións, cineastas e medios de comunicación, empresas provedoras, patrocinadores, etc, para compartir obxectivos de sostibilidade.

Por que os festivais de cinema non conseguiron levar a cabo todas as accións propostas para 2022? As respostas dos eventos son, fundamentalmente, catro: falta de orzamento, formación, tempo e persoal para levalas a cabo. “Catro motivos en aparencia diversos que están conectados e poderían englobarse nun só: o primeiro deles”, indica o informe de Proxecta. Entre as recomendacións do estudo, fomentar máis formación en sustentabilidade en todos os equiposde traballo dos eventos, espallando os obxectivos cara entidades colaboradoras e provedores. Tamén se conclúe que o campos dos residuos e das enerxías continúa a ser un espazo no que afondar e aprender máis. “Malia que os festivais de cinema non teñen os mesmos impactos negativos no medioambiente que outros eventos culturais másivos realizados ao aire libre, isto non nos exime de implementar melloras de redución e eficiencia en todo o relacionado con enerxía e residuos”, sinalan en Proxecta.

Talleres (S8) Mostra de Cinema Periférico, A Coruña, 2022

O Pacto Cultura Sustentable celebra o 1º aniversario con 32 proxectos comprometidos coa Axenda 2030

Co verán no seu apoxeo e coa conseguinte explosión de eventos culturais en Galicia, o Pacto Cultura Sustentable continúa recollendo adhesións. As últimas, a da Fundación Bretal, entidade que xestiona entre outros proxectos a actividade cultural no Real Mosteiro de Oia, fundado no século XII e único enclave cisterciense á beira do Atlántico, e o Festival Atlántica, un evento centrado na narracion oral que se desenvolve en diferentes localidades. O Pacto Cultura Sustentable cumpre un ano desde que botou andar en xullo de 2021 da man dalgúns dos festivais galegos de música e cinema de referencia, cun compromiso coa axenda 2030 e coa súa visión integradora para a consecución dun obxectivo común: transformar o noso planeta a través da acción. Nos últimos meses tamén suscribiron o pacto tres eventos localizados na provincia de Ourense: Festival Arteficial, UKP Day e MUSGO.

O pacto recolle os obxectivos ata 2024; entre eles, a eliminación dos plásticos dun só uso, a redución nun tercio do volume xeral de residuos, a compensación da pegada CO2 ou a transición cara as enerxías renovables na produción dos eventos. Ademais do pacto mediambiental, compromisos na dimensión social dos eventos coa igualdade de xénero, coa economía local e coa accesibilidade. O Pacto Cultura Sustentable ten vocación expansiva, convidando a todos os eventos e axentes culturais de Galicia a suscribilo e á Administración a apoialo e parte de que tras a acción cultural atópanse moitas empresas e axentes privados, cuxo liderado é imprescindible no cambio sustentable global. Neste primeiro ano de andaina, o principal obxectivo foi “poñerse un espello diante” coa realización dun diagnóstico de cada un dos eventos asinantes. “Era fundamental saber en que punto estamos, que accións se están levando a cabo e de que maneira por parte dos eventos e identificar cales son as dificultades que atopan”, explica María Baqueiro, consultora de sustentabilidade. Tras o diagnóstico, durante 2022 os festivais asinantes recibirán varias sesións formativas ao redor da accesibilidade e medición da pegada de CO2.

Presentación do Pacto Cultura Sustentable. Museo das Peregrinacións, Santiago de Compostela, xullo 2021

Descarga a Guía sobre Festivais e Sustentabilidade

Coa Deputación da Coruña como impulsora e editora, xa se pode descargar a Guia sobre festivais e sustentabilidade. A Axenda 2030 e os impactos positivos dos eventos, elaborada desde o Pacto Cultura Sustentable como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos, e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos proxectos. Aínda que centrada no formato festival, pensamos que pode ser de moita utilidade para outro tipo de proxectos culturais; nas súas páxinas atoparedes información sobre a relación da acción cultural coa axenda 2030, propostas de revisión e mellora nos ámbitos sociais, medioambiental e económico, elaboración dun plan de sustentabilidade e algunhas boas prácticas a reseñar.

A Deputación da Coruña convoca os festivais para analizar e mellorar os impactos positivos dos eventos

Con carácter práctico e co obxectivo de acompañar os festivais no camiño cara a sustentabilidade. Así se formula a Xornada «Impacto positivo: unha alianza festivais-administración» no marco da programación “A cultura é un dereito”, que se celebra o 21 de maio impulsada pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Na xornada, con inscrición gratuíta desde o 5 de maio, abordaranse de maneira específica os impactos dos festivais en ámbitos como a accesibilidade, enerxía, residuos, auga, e patrimonio. A Deputación da Coruña, que someteu a revisión as súas liñas de subvencións a festivais incorporando de maneira máis clara os criterios de sustentabilidade, anima a axentes e entidades responsables dos eventos a ampliar a súa formación nesta xornada que se desenvolve o sábado 21 na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña en horario matinal.

A xornada «Impacto positivo: unha alianza festivais-administración» esta comisariada pola enxeñeira e consultora de sustentabilidade, María Baqueiro Vidal. Asesora de boa parte dos festivais galegos de música e cinema, Baqueiro é ademais promotora do Pacto Cultura Sustentable, presentado o pasado ano. O 21 de maio a xornada contará con persoas expertas que participarán nunha mesa de ideas e posteriormente nun obradoiro para apoiar os festivais na elaboración dos seus plans de sustentabilidade.


No programa estarán Jone Pérez, enxeñeira química, asesora de empresas en xestión sustentable e colaboradora da organización internacional A Greener Festival; Pablo Galindo, doutor en Socioloxía pola Universidade de Granada na que é profesor titular, director da Fundación Music for All e autor, xunto con Diego Ferrón, da Guía de accesibilidade e inclusión en festivais de música en España; Nuria Díaz, ambientóloga, con ampla experiencia no ámbito da xestión ambiental municipal e socia fundadora de EcoEvent, e Nuria Balboa, arquitecta, especialista na xestión técnica de eventos e colaboradora dalgúns dos festivais máis recoñecidos do país. A segunda parte da xornada, en formato obradoiro, estará dixirida pola comisaria María Baqueiro e Giada Calvano, cofundadora de Chloe Sustainability, consultoría que acompaña a organizacións culturais e creativas no seu camiño cara a sustentabilidade, e investigadora e docente do Programa de Xestión Cultural da Universidade de Barcelona.

As novas lexislacions e normativas, xurdidas a raíz da aprobacion en 2015 da Axenda 2030 pola ONU, recollen a urxencia de modificar métodos, recursos materiais, hábitos e comportamentos, especialmente no mundo empresarial e industrial, pero que implican a sociedade no seu conxunto. A accion cultural, tan conectada co desenvolvemento social e individual e cunha enorme capacidade de transformacion territorial -véxase por exemplo a súa vinculación con politicas e estratexias de turismo-non é allea a urxencia do momento. Nesa dirección, a Deputación da Coruña someteu ás súas liñas de subvencións a festivais, FO221 e FO223, incorporando de maneira máis clara e directa criterios de sustentabilidade para a concesión das mesmas, adquirindo o compromiso de acompañar a todas as entidades e concellos solicitantes na consecución e cumprimento de novos obxectivos. Ao redor de sesenta festivais beneficianse destas dúas liñas de cofinanciamento nas últimas edicións.


“Apoiar os festivais significa, para nós, apostar pola difusión e a creación cultural a través do que son, verdadeiras plataformas de promoción das propostas existentes, e tamén de creación de emprego e riqueza no sector. Este apoio á actividade cultural é un dos obxectivos das dúas liñas de subvencións FO 221 e FO223 que suman 1,1 millón de euros en 2022 e que, xunto coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, significan unha aposta pola contratación e a mellora da situación laboral e económica do sector profesional da cultura, tan afectado pola pandemia”, explica o deputado de Cultura Xurxo Couto. Co fin de cumprir co dito compromiso a área de Cultura organiza a Xornada «Impacto positivo: unha alianza festivais-administración», no marco da iniciativa A Cultura é un dereito.Na xornada presentarase ademais a Guia sobre festivais e sustentabilidade, editada pola Deputación da Coruña como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos festivais.